#YoPidoPacto: pedimos avances cara á gratuidade dos libros de texto

Ante o inicio do curso escolar, dende Save the Children e UNICEF Comité Español pedimos ás administracións públicas que garantan e aumenten as axudas para libros de texto e material escolar.

O obxectivo desta petición conxunta é fomentar o dereito a unha educación de calidade para todos os nenos. Sumámonos así á petición da Defensoría do Pobo de promover a gratuidade e a reutilización dos libros de texto para aliviar a carga económica que a adquisición destes materiais supón para as familias.
 

#YoPidoPacto: Moitas familias non poden afrontar os gastos da volta ao cole

A volta ao colexio en setembro leva consigo un grande esforzo económico para moitos fogares. Dende 2006 ata 2014, o gasto medio por fogar en ensino incrementouse significativamente nun 33,3%.

Moitas familias non teñen capacidade para afrontar estes gastos, o que pode colocar os seus fillos nunha situación de vulnerabilidade e desvantaxe social. Para Maite Pacheco, directora de Sensibilización e Políticas de Infancia de UNICEF, "reforzar o enfoque inclusivo do sistema educativo garantindo o apoio escolar e eliminando as barreiras que obstaculizan a igualdade de condicións no acceso é fundamental para facer fronte á pobreza infantil en España".
 

#YoPidoPacto: o gasto medio por fogar en ensino incrementouse un 33,3%

Por iso son de vital importancia políticas educativas que proporcionen a todos os nenos os recursos e condicións necesarias para alcanzar a igualdade de oportunidades no acceso aos coñecementos e competencias que proporciona a educación, así como a conseguir o máximo desenvolvemento do seu potencial.

Dende UNICEF Comité Español e Save the Children advertimos que tanto as achegas do Estado para as axudas a libros de texto coma as procedentes das comunidades autónomas se reduciron nun 45,2% dende 2008. "Os Presupostos Xerais do Estado para 2016 consideran unha partida de 24 millóns de euros para axudas a gastos de material didáctico. Trátase dun dato positivo, pero claramente insuficiente, tendo en conta que dende 2008 as axudas se reduciron en 137 millóns de euros," afirma Ana Sastre, directora de Sensibilización e Políticas de Infancia.
 

#YoPidoPacto: 119.000 persoas  firmaron polos dereitos da infancia 

Estas medidas forman parte da aposta por unha educación inclusiva e de calidade que incluímos na nosa petición dun Pacto de Estado pola Infancia, que xa asinaron máis de 118.000 persoas. Se ti tamén queres sumarte a construír este pacto, podes asinar a petición.