Sudán do Sur: máis nenos en risco de morrer por desnutrición e fame inminente

Cando se cumpren tres anos da independencia de Sudán do Sur, as condicións nos tres estados máis afectados polo conflito -Jonglei, Unity e Upper Nile- son "as peores que se viron nunca", segundo o persoal humanitario experimentado que se despregou nos cantos máis extremos da rexión.

"O traballo destes equipos é fundamental se queremos evitar unha fame. Necesitamos urxentemente fondos e aliados para aumentar o alcance das nosas accións, establecer unha presenza fixa nas áreas remotas e dar apoio ás accións de nutrición e alimentación, se queremos ter algunha posibilidade de evitar un desastre inminente", explicou Joyce Luma, directora do Programa Mundial de Alimentos (PMA) en Sudán do Sur.

Sudán do Sur: hai que evitar un desastre inminente

Aproximadamente 235.000 nenos menores de cinco anos necesitarán tratamento contra a desnutrición aguda grave este ano, o dobre que o ano pasado.

Ademais, uns 675.000 nenos necesitarán tratamento contra a desnutrición aguda moderada e grave.

Ata agora, debido ás difíciles condicións, a comunidade humanitaria só puido alcanzar ao 10% destes nenos co tratamento que necesitan.

"Moitas persoas expulsadas dos seus fogares teñen que camiñar durante días sen nada que comer ata que chegan a cidades como Bentiu, coa esperanza de encontrar axuda. Algúns deles, sobre todo os nenos, chegan tan gravemente desnutridos que non se pode facer nada para salvalos", sinalou Jonathan Veitch, representante de UNICEF en Sudán do Sur.

Sudán do Sur: preto do 75% da poboación sofre inseguridade alimentaria grave

O Mecanismo de Resposta Rápida integral está listo en todo o país para que os traballadores dos equipos de emerxencia e as subministracións poidan voar ás áreas remotas e proporcionar axuda humanitaria urxente á poboación que ten pouco ou ningún acceso á axuda humanitaria. A situación é máis extrema nos tres estados afectados polo conflito -Jonglei, Unity e Upper Nile-, onde, segundo os datos, entre o 60 e o 75% da poboación sofre inseguridade alimentaria grave.

UNICEF e o Programa Mundial de Alimentos (PMA) de Nacións Unidas están a intensificar as súas misións conxuntas para chegar á poboación desesperada que se encontra en áreas remotas de Sudán do Sur.

Ata a data houbo misións conxuntas en 15 lugares, que chegaron a 200.000 persoas -70.000 delas nenos menores de 5 anos.

SUDÁN Do SUR: 50.000 menores de cinco anos poderían morrer

O conflito en Sudán do Sur desprazou dos seus fogares 1,5 millóns de persoas. Máis de 1,1 millóns, máis da metade deles, nenos, están a vivir en refuxios temporais, sen acceso ou con acceso moi limitado á axuda humanitaria.

Catro millóns de persoas enfróntanse a niveis de emerxencia de inseguridade alimentaria e UNICEF advirte de que 50.000 nenos menores de cinco anos poderían morrer este ano se non se lles facilita tratamento contra a desnutrición aguda grave.

Esta crise tamén afectou gravemente ao acceso humanitario, así como aos servizos de saúde e auga e saneamento.