‘Contaxio’, un conto audiovisual para fomentar a cultura e a educación da infancia en tempos da COVID-19

Promovido por UNICEF e Lucía Regueiro, “Contaxio” foi creado por Fran Alonso, Ledicia Costas e María Solar, e ilustrado por Leandro Lamas

Narrado por Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Lucía Regueiro, Beatriz Serén e María Vázquez, coa realización de Lucía Rodríguez.

Iustración cuento Contaxio

Literatura e artes escénicas únense para lanzar ‘Contaxio’, un conto didáctico e emocional dirixido á infancia e a adolescencia de Galicia, pero que tamén fará as delicias dos adultos.

O peche dos centros educativos derivado da emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19, o propio confinamento e a perda de contacto físico cos amigos supuxo unha ruptura total da rutina dos nenos, nenas e adolescentes.

Promovido por UNICEF e a actriz e presentadora Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia, ‘Contaxio’ é un conto colaborativo creado por María Solar, Ledicia Costas e Fran Alonso, que comeza cunha elegante e sutil ilustración do pintor Leandro Lamas.

‘Contaxio’ é unha viaxe polo dicionario, unha viaxe na que descubrimos como se sente a palabra “contaxio” e na que imos coñecendo a súa relación con outras palabras como “medo”, “inxustiza” ou “pobreza”, pero tamén as oportunidades que lle brindarán “ vacina”, “medicina” ou “investigación”.

Un amplo elenco de actrices e actores de Galicia quixeron participar nesta iniciativa: Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Lucía Regueiro, Beatriz Serén e María Vázquez. ‘Contaxio’ non sería posible sen a colaboración da realizadora Lucía Rodríguez.

Este conto pretende sumar o seu grao de area para promover o dereito dos nenos, nenas e adolescentes á educación e a estar informados dos temas que lles afectan: un conto que fala da actualidade, das implicacións do coronavirus, un conto para a historia. Porque, aínda que os centros escolares haxan pechado, a educación non se detivo.

Vídeo Contaxio