A vida segue, a exclusión social tamén

Seguramente a maioría lestes ou escoitastes o dato nas últimas semanas: case un 30% dos nenos e nenas que viven en España viven por debaixo do albor da pobreza. Pero... sabemos o que isto significa?

Cando os expertos falan de "pobreza monetaria", estanse a referir á falta de recursos económicos. Pero a pobreza, a infantil e a adulta, ten outra cara: a exclusión social.

Trátase dun fenómeno que existiu sempre, pero que hoxe en día está a tomar novas formas, vivimos novos procesos de exclusión relacionados con novas desigualdades e desvantaxes sociais que van moito máis alá dos recursos materiais.

Estes novos procesos teñen que ver coa deterioración da saúde física e psíquica, dos vínculos e relacións sociais, as condicións laborais ou o status profesional. Ten que ver cun sentimento profundo, o de sentirse "fóra" dun ámbito e dunha sociedade, por non gozar dos seus dereitos e oportunidades.

Esta situación, que resulta complexa cando somos adultos, formula especiais retos nos nenos. Retos relacionados coa vulneración dos seus dereitos hoxe, pero tamén coa perda de oportunidades a medio e longo prazo con consecuencias irreversibles para eles e para o conxunto da sociedade.

a exclusión social: o reto da falta de datos

Cando nos formulamos a idea de abordar o tema da exclusión social, encontrámonos cun reto á hora de dispoñer de estudos que nos permitisen analizar as situacións que perpetúan a pobreza e a exclusión social da infancia, dende un punto de vista amplo de benestar, isto é recursos económicos, saúde, educación, vinculación afectiva ou redes de apoio, entre outras.

Por esta razón puxemos en marcha, xunto coa Universidade Pontificia de Comiñas, un proxecto ambicioso, cuxo primeiro paso é a publicación do informe Vulnerabilidade e exclusión social, que pon as bases para avanzar nun sistema de información sobre infancia en exclusión, a partir de estatísticas e rexistros oficiais, e tamén da experiencia e coñecemento directo de distintos actores clave e dos nenos.

Un sistema que ofreza información constante para coñecer os cambios que se produzan e para poder intervir de xeito temperán nos procesos de vulnerabilidade que están a levar á exclusión, coa idea de revertelo cara a situacións de inclusión e seguridade.

Non é sinxelo. Para poder reverter estas situacións, hai que identificar quen é os nenos que se están a quedar atrás, por que se encontran nesa situación e buscar solucións que contribúan a sacalos dun proceso no que nunca deberon estar.

En definitiva, trátase de poñer nome ás cifras e estatísticas, de falar de historias con rostro humano.

A inclusión social é unha prioridade de UNICEF que persegue a participación activa dos nenos na sociedade, a súa participación como cidadáns, a súa capacidade de tomar decisións e de elixir.

Trátase de afrontar o reto de chegar a cambiar a vida dos nenos que se encontran en situacións de maior vulnerabilidade para poder chegar a dicir algún día que a vida segue pero a exclusión social xa non.