Informe sobre Desenvolvemento Humano 2014: ameazas que nos fan avanzar lentamente

A mensaxe que dá o Informe sobre Desenvolvemento Humano 2014 é clara: existen indicios de que o progreso de desenvolvemento humano é cada vez máis lento. E… por que? Sobre todo pola combinación de dous factores que se rematan convertendo nunha auténtica apócema mortal: "ameazas" e "vulnerabilidade".

O Informe sobre Desenvolvemento Humano pretende cada ano clarificar, entre tanta cifra macroeconómica que se manexa, como transcorre a vida das persoas en todos os países do mundo: que posibilidades reais teñen de alimentarse ben, de acudir á escola, de conseguir un emprego, de ser atendidos nun hospital, de ter acceso a internet... ou que nivel de seguridade teñen nas súas rúas e nos seus fogares.

Vivimos nun mundo cheo de ameazas. Son impactos, crise, shocks, como queiramos chamalos, que converte moitas persoas en "vulnerables", isto é, que pasan a situarse en "zona de perigo". Aínda que agora me estou a referir a problemas de índole mundial, creo que as circunstancias que atravesamos no noso país nos axudan a facernos unha idea disto que estamos a falar.

A imaxe que poderiamos utilizar para entendelo podería ser esta: unha nai de familia con dous fillos a cargo perde un bo día o seu emprego (o impacto). Isto obrígalle a deixar de pagar a hipoteca e a facer marabillas coa curta axuda por desemprego para alimentar, curar e vestir os seus fillos, ata que un bo día lle informan que mesmo a prestación rematou...

Pensemos agora que esta muller estaba xa de por si en "zona de perigo" antes de que chegase este revés ou impacto en forma de desemprego de longa duración... O CAOS. Pois isto é xustamente o que acontece en moitos lugares do mundo.

INFOrme de desenvolvemento humano: xente vulnerable nun mundo vulnerable

Xa de por si, di o informe, de cada 100 nenos que viven nos países en desenvolvemento (onde vive o 92% de todos os nenos), 7 non superarán os 5 anos de idade, non se rexistrará o nacemento de 50, 68 non recibirán educación na primeira infancia, 17 nunca se matricularán na escola primaria, 30 sufrirán atraso no crecemento e 25 vivirán na pobreza.

E, por se fose pouco, a isto súmanse os impactos engadidos, que son cada vez máis frecuentes: inundacións, tifóns, secas, epidemias, suba do prezo dos alimentos, ataques armados, crises económicas e un longo etcétera. Non esquezamos que os desastres naturais afectan a máis de 200 millóns de persoas cada ano, a maior parte delas en países en desenvolvemento. E tampouco que o número de persoas desprazadas a causa de conflitos ou persecucións (45 millóns a finais de 2012), é o máis alto dos últimos 18 anos. E algo que estamos a sufrir nas nosas propias carnes: os reveses económicos, que socavan cada vez máis os beneficios sociais mesmo nas sociedades industrializadas avanzadas.

Isto fainos entender por que o crecemento económico ou as exportacións que logra colocar un país en desenvolvemento no mercado internacional non son en absoluto garantía de nada. Con este panorama, non hai quen arranque. Hai case 1500 millóns de persoas no mundo en situación de pobreza multidimensional con carencias superpostas en materia de sanidade, educación e nivel de vida, e preto de 800 millóns de persoas son vulnerables a caer de novo nesta situación en canto se produce un impacto ou un shock dos que falabamos.

Pero procuremos reter o que realmente importa: hai solución. Existe, e tamén o Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) apunta no seu informe na mesma dirección que UNICEF e moitos expertos: hai que centrarse en mellorar as condicións de vida e as oportunidades das persoas máis vulnerables, entre as que se encontran os nenos e as súas familias, e hai que reducir urxentemente as brechas de desigualdade.

INForme de desenvolvemento humano: Unha vez máis, os nenos son a clave

As persoas son vulnerables principalmente por dúas razóns: polo momento da vida no que se encontran ou polas circunstancias nas que lle toca vivir.

Non hai forma de conseguir un aumento das capacidades e os recursos das persoas adultas que realmente marque a diferenza para facer fronte ás crises se non se inverteu neles cando eran nenos.

Sobre isto tamén falou onte Gina Casar, a Administradora Adxunta do PNUD, durante a presentación do informe que fixo en Madrid. Como dixo esta experta de Nacións Unidas, "se a vulnerabilidade empeza na infancia, non se recupera".

A importancia do investimento na infancia xa coñecémola. Os nenos que crecen a trancas e barrancas con desnutrición crónica e enfermidades graves, ven comprometido de por vida o seu desenvolvemento físico e intelectual e as súas posibilidades de saír de situacións de pobreza e exclusión. Estas privacións da primeira infancia cristalizan en dificultades de aprendizaxe, de aproveitamento escolar e tamén de posibilidades de acceso e rendemento no mercado laboral durante a súa vida adulta. A suma de moitos casos como este convértese nunha lousa hiperpesada da que moitos países non se poden liberar en moitas xeracións e que, por suposto, lles impide avanzar.

O informe incide nas estratexias que hai que poñer en marcha para que nos encamiñemos na senda de desenvolvemento humano:

  • Investimento na primeira infancia
  • Fortalecemento dos sistemas de protección social
  • Promoción do pleno emprego
  • Políticas que garantan unha maior cohesión social
  • Aumento das capacidades para facer fronte ás crises e conseguir a recuperación

Nós non nos cansaremos de repetilo e de impregnar as nosas actuacións destas grandes liñas de traballo, pero o cambio de gran calado só acaecerá cando sexan os dirixentes do mundo os que con vontade decidida as poñan en práctica. A ver se non tardan moito, porque o tempo é moi lento cando non se ten satisfeitas as necesidades mínimas, realmente lento.

Post de Sara Collantes, responsable de Políticas de Infancia e Desenvolvemento de UNICEF Comité Español