Preto de 50 millóns de vidas salvadas dende o ano 2000
Cada ano morren 5,9 millóns de nenos menores de cinco anos por causas que se poden evitar, un 53% menos que en 1990A taxa de redución da mortalidade infantil duplicouse en todo o mundo no espazo dunha xeración. Outros 38 millóns de vidas poderían salvarse ata 2030 se se aceleran aínda máis os progresos en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que os dirixentes do mundo aprobarán este mes.
Os datos da publicación de UNICEF Unha promesa
renovada: Informe 2015 mostran que dende o ano 2000, cando os
gobernos se comprometeron co logro dos Obxectivos de
Desenvolvemento do Milenio (ODM),
se salvaron as vidas de 48 millóns de nenos menores de cinco anos.
Estes progresos son o resultado das constantes medidas
dos
dirixentes para converter nunha norma e unha prioridade política a
tarefa de salvar as vidas dos nenos, de mellorar e utilizar os
datos sobre a supervivencia infantil e de ampliar a dimensión das
intervencións que deron resultado.
Cada ano morren 5,9 millóns de nenos menores de cinco anos por
causas que se poden evitar, un 53% menos que en 1990. A taxa anual
mundial de redución da mortalidade de menores de cinco anos entre
2000 e 2015, un 3,9%, duplicouse en comparación co que sucedeu na
década de 1990.
Algúns dos países máis pobres do mundo demostraron que poden
lograrse reducións substanciais na mortalidade infantil a pesar dos
enormes obstáculos:
- 24 de 81 países de ingresos medios e baixos, como Cambodja, Etiopía, Bangla Desh e Uganda, alcanzaron o ODM de reducir a taxa de mortalidade dos menores de cinco anos en dúas terceiras partes ou más[1].
- Entre 2000 e 2015, 21 países de África subsahariana investiron unha tendencia ascendente da mortalidade, ou polo menos triplicaron o seu ritmo de progreso en comparación coa década de 1990.
"Salvar as vidas de millóns de nenos en contextos urbanos e rurais,
nos países ricos e pobres, é un dos primeiros grandes logros do
novo milenio, e un dos maiores retos dos próximos 15 anos é
acelerar aínda máis este progreso", dixo a Directora Executiva
Adxunta de UNICEF, Yoka
Brandt.
"Os datos indícannos que millóns de nenos non morrerán se
realizamos un maior esforzo para chegar a todos os
nenos".
As solucións sinxelas, de grande impacto e rendibles que
contribuíron a esta extraordinaria redución da mortalidade dos
nenos menores de cinco anos inclúen a atención especializada na
etapa prenatal, durante o parto e na etapa postnatal; a lactación
materna; a inmunización; as mosquiteiras tratadas con insecticida;
a auga e o saneamento mellorados; a terapia de rehidratación oral
para combater a diarrea; os antibióticos para a pneumonía; os
suplementos nutricionais e os alimentos
terapéuticos.
A pesar destes impresionantes progresos, o mundo non cumpriu a meta
dos ODM de
reducir en dous terzos a mortalidade dos menores de cinco
anos.
Estímase que entre 1990 e finais de 2015 236 millóns de nenos terán
morto antes de cumprir cinco anos, por causas na súa
maioría previbles.
Hoxe en día as principais causas da mortalidade dos menores de
cinco anos inclúen a prematuridade,
a pneumonía, as complicacións durante o parto, a diarrea e o
paludismo. A desnutrición contribúe a case a metade das mortes de
nenos menores de cinco anos.
Os ODS instan
aos países a aumentar considerablemente os seus esforzos para que as
taxas de mortalidade de menores de cinco anos se reduzan a 25
mortes (ou menos) por cada 1.000 nacidos vivos en 2030. Ao aumentar
o ritmo, especialmente nos países que están demorados, o mundo
podería salvar a vida de 38 millóns máis de nenos menores de cinco
anos.
Nota para os editores:
Para descargar o informe: Descargar o informeaquí
Para descargar imáxes de calidade profesional e novo material de arquivo de Bangladesh, Tanzania e Malawi:http://UNI.cf/1FnX3f6
Sobre Unha promesa renovada
Dende o seu inicio en 2012, Unha promesa
renovada centrouse en promover o Obxectivo de Desenvolvemento do
Milenio (ODM)
4, que consiste en reducir a taxa de mortalidade de menores de
cinco anos en dúas terceiras partes entre 1990 e 2015, e continuar
o esforzo ata que non haxa ningún neno nin ningunha nai que morra
por causas que se poidan evitar. A visión e os principios que
promove Unha promesa
renovada -o compromiso político, a rendición de contas e a
mobilización social para evitar todas as mortes
infantís previbles en
todos os países no lapso dunha xeración- incluiranse nos Obxectivos
de Desenvolvemento Sostible, que se poñerá en marcha a finais de
mes.
Os aliados que apoian Unha promesa
renovada comprometéronse a levar a cabo cinco medidas
prioritarias:
1. Aumentar os esforzos nos países que fan fronte aos maiores retos
na mortalidade de menores de cinco anos;
2. Ampliar o acceso ás poboacións marxinadas en todo o
mundo;
3. Abordar as causas da maioría das mortes de nenos menores de
cinco anos;
4. Facer un maior fincapé nas causas subxacentes da mortalidade
infantil, como a educación e empoderamento das
mulleres;
5. Unirse en torno a un obxectivo compartido e utilizar métricas
comúns para realizar un seguimento do progreso.
[1] Os países de baixos ingresos son: Cambodja, Etiopía, Eritrea, Liberia, Madagascar, Malawi, Mozambique, Nepal, Níxer, Ruanda, e a República Unida de Tanzania. Os países de ingresos medios son: Armenia, Bangla Desh, Bután, Bolivia (Estado Plurinacional de), Exipto, El Salvador, Xeorxia, Indonesia, Kirguistán, Nicaragua,Timor Este, Iemen.