O Colexio Cid celebra o Día da Auga coa actriz e presentadora Lucía Regueiro

O Colexio Cid de A Coruña participa na campaña Gotas para Níxer e acolle o nomeamento da actriz e presentadora Lucía Regueiro como Amiga de UNICEF Comité Galicia
O Colexio Cid celebra o Día da Auga coa actriz e presentadora Lucía Regueiro

 

Por terceiro ano consecutivo o Colexio Cid de A Coruña celebrou o Día Mundial da Auga, que se conmemora cada 22 de marzo, cunha carreira para apoiar Gotas para Níxer. Durante toda a mañá do venres 23 os alumnos do Colexio Cid, patrocinados polos seus amigos e familiares, participaron nunha carreira para achegar o seu granito de area, as súas gotas, e levar auga, hixiene e saneamento a Níxer.

Durante as semanas previas ao Día Mundial da Auga os alumnos do Colexio Cid coñeceron máis de preto a situación do país e os factores que limitan o seu desenvolvemento, como a súa propia xeografía, as condicións climáticas, os seus baixos niveis de alfabetización e educación ou a desigualdade de xénero. Ademais, elaboraron carteis e murais sobre a importancia do acceso á auga potable, á hixiene e ao saneamento porque ían acoller a unha invitada moi especial.

Lucía Regueiro, protagonista da exitosa serie Serramoura, de Voz Audiovisual, e presentadora e copresentadora de varios programas de TVG, entre os que destaca o mítico Luar, foi nomeada Amiga de UNICEF Comité Galicia no Colexio Cid con motivo da celebración do Día da auga.

Alumnos de infantil e primaria puideron escoitar os motivos polos que a actriz decidiu colaborar coa organización e puideron realizar un bo número de preguntas para coñecer a súa implicación e interese pola infancia máis vulnerable.

Lucía, consciente da importancia de reforzar a implicación da sociedade para lograr o cumprimento dos dereitos da infancia en todo o mundo, asume con orgullo e ilusión este novo reto. “Este papel que asumo hoxe é especialmente importante para min, faime moitísima ilusión, e corresponde a unha tarefa na que creo profundamente: a defensa dos dereitos de todos os nenos”.

A actriz puido coñecer de primeira man o traballo de UNICEF en terreo cando viaxou a Bolivia no ano 2015. “Nese momento puiden comprobar por min mesma o labor que realiza UNICEF, puiden poñerlle rostro e nome a eses nenos e a esas nais, que deixaron de ser números sobre o papel para ser persoas reais con vidas que melloran radicalmente grazas á axuda de UNICEF”.

O Día da auga foi un día moi especial para os nenos do Colexio Cid, día no que reforzaron valores como a solidariedade ou o respecto e a importancia da implicación de toda a sociedade para mellorar a vida da infancia.

 

Gota a gota

 

¡Pon tu gota!

Cada año son más los centros educativos que ponen su gota por la salud y la educación en Níger. Participa organizando una carrera solidaria en tu centro. ¡Cada gota cuenta!

Descubre más