SOS Kenya, dúas emerxencias paralelas

Por Lorena Cobas, Responsable de Cooperación e Emerxencias

Estou a escribir dende a oficina de UNICEF en Kenya onde estou a apoiar en todo o necesario o traballo da nosa organización nunha das emerxencias máis graves dos últimos tempos: a do Corno de África.

A situación no país é complexa porque Kenya está a vivir dúas emerxencias paralelas, aínda que unha delas está a pasar bastante desapercibida. Por un lado, o país alberga un dos maiores campos de refuxiados, onde cada día chegan máis somalís escapando da fame, a guerra e a seca. Por outro, a fame tamén está a masacrar as rexións áridas e semiáridas desta bela rexión.

Millóns de persoas loitan por sobrevivir

EnKenya tamén hai millóns de persoas que loitan por sobrevivir, millóns de familias que non poden dar de comer aos seus fillos, millóns de persoas que se desprazandesesperadamente dun sitio a outro buscando o máis esencial: comida, auga, escapar á enfermidade. Tanto entre os somalís que chegan ao campamento de Dadaab coma entre os desprazados internos, a viaxe é dura e non podemos deixalos caer no esquecemento. Levo apenas unha semana de traballo na emerxencia en Kenya e sigo tan ilusionada como ao principio de formar parte de xeito directo en algo tan importante e esencial como salvar a vida de millóns de nenos. A vida nunha emerxencia pasa tan rápida e tan lenta á vez que asusta. Mentres un operativo de emerxencia está funcionando perfectamente a poucos quilómetros de distancia, a vida cotiá deste país continúa o seu ritmo.

A maior parte do meu tempo ten trascurrido entre trámites de identificación e reunións de seguridade. Unha cuestión de especial importancia se tes previsto viaxar á fronteira (por exemplo a Dadaab), onde seguramente irei a finais deste mes. Coñecer a situación e as medidas que hai que tomar en caso de perigo pode ser a diferenza entre a vida e a morte.