O que as cifras esconden

Post de Armando Bello, Técnico de Investigación en UNICEF España

Fai pouco UNICEF España presentaba os resultados dunha enquisa realizada a unha ampla mostra de nenos e nenas, na que os propios nenos nos contaban sobre a súa vida, as súas opinións, percepcións e aspiracións, en definitiva sobre o seu benestar.

Un dos primeiros achados deste estudo resultou ser un agradable descubrimento ou mesmo unha sorpresa para algúns (aínda que non para outros): a maioría dos nenos e nenas en España están moi satisfeitos coas súas vidas. Esta é, sen dúbida, unha boa noticia, das que podemos alegrarnos e mesmo sentirnos (moderadamente) orgullosos.

Non obstante, ao afondar máis nos datos axiña decatámonos de que tamén esconden outra realidade, queen ningún caso nos pode levar a sentirnos orgullosos. Non todos os nenos gozan deste nivel tan alto de benestar subxectivo, nin moito menos! Hai nenos e nenas que se quedan sistematicamente excluídos ou "á marxe" dos altos niveis de benestar.


Entre eles, e dun xeito moi evidente, están os nenos nacidos no estranxeiro, posto que mostran niveis de benestar subxectivo significativamente máis baixos que os que han nacidos no noso país, practicamente en todos os ámbitos da súa vida.


Hoxe en día hai máis de 800 mil nenos (preto do 10% do total) nacidos fóra de España vivindo no noso país e as estatísticas e os estudos cóntannos que eles e as súas familias se enfrontan a miúdo asituacións de maior risco social e vulnerabilidade. Este novo estudo engade unha peza máis a este desalentador panorama, ao incorporar o punto de vista dos propios nenos. Non estamos a falar (afortunadamente) de malestar nin de niveis extremadamente baixos de benestar, pero si dunha brecha importante.

Esta brecha é moi visible no que respecta ás posesións materiais e á casa onde viven. Os nenos de orixe estranxeira tamén se declaran menos satisfeitos en aspectos que teñen a que ver coa escola, a organización do seu tempo, a satisfacción persoal, as relacións interpersoais ou a saúde. A única excepción dáse en canto á satisfacción coa zona onde viven, debido sobre todo a que os nenos de orixe estranxeira valoran de xeito máis positivo que o resto algúns servizos e infraestruturas (bibliotecas, policía local ou transporte público).

A distancia entre os nenos nacidos dentro ou fóra de España faise mesmo máis evidente se analizamos as diferenzas por xénero. Estas diferenzas non son significativas entre o total dos nenos e as nenas enquisadas, pero si o son entre os nenos de orixe estranxeira. Neste caso, (e contrariamente ao que pasa entre os nenos españois) o benestar das nenas é claramente inferior ao dos nenos.

Quédanos moito por analizar sobre estas diferenzas e as súas causas, pero sen dúbida estes datos enfróntannos, unha vez máis, a unha realidade que non podemos ignorar nin aceptar, en boa medida tamén porque viola un dos principios fundamentais da Convención sobre os Dereitos do Neno: todos os nenos deben gozar dos seus dereitos sen discriminación de ningún tipo, incluída a orixe ou nacionalidade (art.º 2 CDN).

Tamén evidencian que o obxectivo común de maximización do benestar infantil pasa necesariamente por reducir as desigualdades e apostar por cubrir as brechas existentes, de maneira que non nos deixemos a ninguén atrás, nin moito menos ao 10% dos nenos e as nenas que viven no noso país, cuxa única "culpa" parecería ser ter nacido noutro.