O día que choveu en Dadaab

Por Lorena Cobas, Responsable de Cooperación e Emerxencias de UNICEF España

O pasado fin de semana, cando espertei en Dadaab e saín da miña tenda, vivín a sensación máis esperanzadora de toda a miña viaxe: estaba a chover. Era unha chuvia moi débil e durou apenas uns minutos, pero a miña compañeira de tenda e eu quedamos mirando a auga caer. Nunca antes fora tan consciente do importante que poden ser unhas gotas de auga, pero coa paisaxe desoladora que teño arredor, é o máis esperanzador que podía acontecer.

Ulrika, a miña compañeira de tenda, é a Responsable de Auga, Saneamento e Hixiene en Dadaab, só leva unha semana aquí, pero sabe a responsabilidade que supón o seu cargo nesta emerxencia. Mentres vía chover dicíame: "Isto é o que fai falta", e sorría... Mentres esperamos a que cheguen as chuvias, UNICEF está a distribuír auga potable aos refuxiados nos campos e aos que están no camiño. Cada día, de media, distribúese auga para 1.300 persoas que se desprazan aDadaab dende a fronteira de Somalia con Kenya. Establecéronse sete puntos de distribución nos poucos quilómetros que separan Dadaab da fronteira. Tamén se están a realizar campañas de promoción da hixiene, por exemplo para o lavado de mans, que prevén enfermidades e epidemias, e que están a beneficiar a 90.000 familias. Este é un deses logros invisibles, pero non por iso menos importante. O traballo de UNICEF e das organizacións humanitarias aquí presentes está a evitar brotes de enfermidades que poderían ser mortais para a infancia. O gran reto neste momento é o apoio continuo ao fluxo de refuxiados que chegan a Dadaab. Alégrome de saber que o persoal humanitario está a traballar para que as familias teñan os servizos de auga, hixiene e saneamento básicos, e prevén enfermidades ata que cheguen as chuvias e queden máis duns minutos. Mentres vía chover, invadiume un sentimento de esperanza pensando nos centos de miles de refuxiados.