Nenos con minusvalidez: aprender a mirar mellor

Post de Blanca Carazo, Responsable de Proxectos de Cooperación de UNICEF España.

A semana pasada UNICEF lanzaba o informe Estado Mundial da Infancia 2013, e nel, como monográfico deste ano o tema das nenas e nenos con minusvalidez.

Este informe fainos máis conscientes dos retos "especiais" ou "diferentes" (os retos, non os nenos)que enfrontan estas nenas e nenos para acceder a servizos básicos como a saúde ou a educación, da súa maior vulnerabilidade ante distintos tipos de agresións, da falta de apoios ás súas familias, e do descoñecemento e a invisibilidade das súas realidades.

Como pano de fondo desta análise, o informe formúlanos unha mensaxe clave, no que cada un de nós podemos "probarno": Como miramos? Ante unha foto dunha nena sen perna, que vexo? unha nena... ou unha discapacitada? unha ilusión... ou unha dificultade? unha oportunidade de andar de novo... ou a idea limitante de que esta nena non poderá xogar?.

En palabras deAnthony Lake, Director Executivo deUNICEF, "cando un ve a minusvalidez antes que ao neno, non só é malo para o neno, senón que priva á sociedade de todo o que ese neno ten que ofrecer".

Moi probablemente, na medida que sexamos capaces de mirar esa foto e, sen deixar de ver o toco, quedarnos coa determinación que se debuxa nese sorriso, estaremos a crear un mundo mellor. E digo un mundo mellor, así, a secas; non só para ela, senón para todos nós, que teremos aprendido a mirar mellor.
 
Poucos días antes do lanzamento do EMI, chegábanos outra noticia, desas que, sen deixar de preocuparnos, alimentan as nosas esperanzas: 41 nenos eran liberados de grupos armados en República Centroafricana. Sete nenas, e 34 nenos de entre 14 e 17 anos para os que empeza agora un novo camiño, que non será doado, afastándose da violencia e avanzando cara a unha vida na que caiban os sonos; un camiño cuxa primeira etapa é o Centro de Tránsito e Apoio de UNICEF en Bangui.

Aínda que podería parecer que non hai ningunha relación entre estes dous temas, eu encontro varios puntos en común. En primeiro lugar, porque moitos nenos con minusvalidez a teñen como consecuencia de conflitos armados, por ser vítimas de ataques ou perder un brazo, unha perna ou a vista por unha mina antipersoa que explotou en Cambodja, Afganistán ou Colombia.
 

QUEDAR COA ETIQUETA

E hai algo que me parece aínda máis relevante. Trátase da mirada coa que percibimos a imaxe dunha nena xorda ou con síndrome de Down e a dun neno liberado dun grupo armado. E témome que, en todos os casos, quedamos coa etiqueta: "xorda", "discapacitado intelectual", "soldado", e deixamos de ver o neno. É coma se deixásemos o neno, á nena, e todo o que pode chegar a ser se llo permitimos, na escuridade e, co foco da nosa mirada, iluminásemos tan só a etiqueta. E a etiqueta, deste xeito, adoita xerar pena, rexeitamento, medo, incomodidade... e, en definitiva exclusión.

A nai de Owen, un neno de 5 anos con parálise cerebral exprésao así: "As batallas máis difíciles son as que teñen que ver co xeito en que os demais perciben a Owen". E explícanos tamén o que nos estamos a perder; o que o mundo se perde se non aprendemos a mirar doutra forma: "con independencia do que un neno ou nena poida facer, sempre terá unha identidade e un carácter que deixarán unha pegada particular neste mundo".

Por suposto, habemos de traballar para asegurar que todos os nenos e nenas, independentemente das súas capacidades, teñan acceso efectivo a educación, saúde, habilitación, rehabilitación e todo aquilo que lles facilite o seu máximo desenvolvemento. E para iso,habemos de aprender a mirar doutra forma.

Rosa Montero, na súa novela Tremor, falaba da mirada preservadora, para fixar un mundo cuxos contornos se esvaecían. Hoxe, dende aquí, propoñémosche practicar a mirada incluyente, para aprender a ver a ilusión, a esperanza, o potencial e a riqueza das capacidades diferentes en lugar de ver só as etiquetas.