España: a infancia no espello

Post de Gabriel González-Bueno, Responsable de Políticas de Infancia de UNICEF España

O recente informe de UNICEF sobre o benestar infantil nos países ricos pon o noso país fronte ao espello dos seus indicadores sobre a infancia. E este espello devólvenos unha imaxe na que non saímos demasiado ben parados respecto á comparación con outros países do noso ámbito xeográfico e económico.

España aparece no posto 19 dos 29 países ricos analizados segundo cinco dimensións (saúde, educación, pobreza, condutas e vivenda) e baseadas en 26 indicadores que se valoran conxuntamente. Se nos achegamos algo máis ao espello vemos como a posición de España, bastante positiva en saúde, seguridade, vivenda e medio, é, non obstante, moi alarmante en canto ao benestar material e a educación, dúas dimensións nas que estamos moito máis preto do final da táboa (24 e 26 de 29 respectivamente).


Os altos niveis de pobreza relativa e de intensidade da pobreza infantil nun caso, e o abandono escolar e os malos resultados en capacidades educativas (segundo o informe PISA) noutro sitúannos neses postos.


Algúns poden pensar que este espello, como os que en Luces de Bohemia se reflectían Max Estrella, pode dar unha imaxe máis ou menos deformada da realidade: o mesmo informe recoñece que hai poucos indicadores internacionalmente comparables sobre temas clave do benestar dos nenos (como saúde mental ou maltrato ou abuso infantil).

 
Pero os datos desta comparación non son banais, entre outras cousas porque o Report Card11 non contén información sobre os peores anos da recesión económica, a partir de 2010 cando moitos países empezaron a aplicar severas medidas de austeridade no gasto público. E esta diminución do investimento social (tamén nos nenos) non presaxia nada bo para os indicadores dos anos sucesivos

De feito, en España a pobreza infantil creceu aínda máis en 2011 en amplitude, intensidade e duración, pero o máis importante é que o impacto en moitos indicadores dos utilizados será máis visible dentro duns poucos anos, cando xa sexa tarde para actuar sobre dimensións clave do desenvolvemento dunha parte importante da nosa infancia.

E nestes tempos de "fatalismo político", nos que a redución do gasto público se asume como inevitable, o informe vén a insistir en que si, en que outras políticas son posibles e necesarias, e que esas políticas cambian e melloran a vida e as expectativas das persoas, dos nenos e nenas e poden cambiar o futuro das nacións.

Como queremos saír no espello dentro duns anos máis?
 
Apoia a petición de UNICEF paraque se poñan en marcha os compromisos das administracións públicas na loita contra a pobreza infantil.
 
Toda a información en: http://www.unicef.es/pobrezainfantil