Como salvar a vida de 137.000 nenos

Post de Gonzalo Fanjul, publicado no blog 3.500 millóns de El País.com

Anthony Lake, Director Executivo de UNICEF, describiu nunha ocasión a loita contra a mortalidade infantil como un reto de "progresos considerables e tarefas inacabadas". Tras case vinte anos de avances históricos nos que rexións enteiras lograron reducir as mortes dos nenos e das súas nais a niveis cos que xeracións anteriores só podían soñar, a comunidade internacional enfróntase agora a unha estratexia máis fina, na que os esforzos se concentran nos países e os grupos sociais máis vulnerables.

É difícil non ver o caso de Bolivia reflectido nesta fotografía. Dende o punto de vista da supervivencia infantil, o país máis pobre de América do Sur realizou un pequeno milagre nas dúas últimas décadas. De acordo cos cálculos realizados nun informe que elaborei paraUNICEF e que se presenta hoxe, a construción e extensión dun sistema de saúde materno-infantil baseado en seguros sanitarios, programas de inmunización e axudas ás familias permitiu evitar a morte de 231.000 bolivianos menores de 5 anos entre 1990 e 2011. O que é igualmente importante, Bolivia asómase por primeira vez na súa historia á posibilidade dun futuro libre desta eiva medieval. De manterse o ritmo de avances das últimas décadas o país podería alcanzar en 2035 o obxectivo internacional de reducir a mortalidade infantil por debaixo dos 20 por cada 1000 nacidos. Con iso salvaría a vida de preto de 137.000 nenos e aliñaríase cos avances que xa realizou o conxunto da súa rexión. En ningún caso poderán facer sós este esforzo. Os últimos gobernos bolivianos corrixiron en parte a inxustiza fiscal que permitía ás compañías estranxeiras acaparar o groso dos beneficios das industrias extractivas, o cal incrementou o financiamento propio dos seus servizos sociais. Pero os recursos do Estado son aínda tan insuficientes que a poboación pobre de Bolivia debe pagar do seu propio peto ata un terzo dos gastos de saúde. As disparidades multiplícanse en zonas especialmente vulnerables como as comunidades indíxenas, onde os niveis de mortalidade infantil son tres veces máis altos que a media nacional.

A responsabilidade última é das autoridades nacionais, pero a axuda internacional é dobremente imprescindible: apoiando o esforzo presupostario do Goberno con novos recursos e ofrecendo a orientación técnica e as boas ideas que axuden a optimizar cada céntimo contra a mortalidade infantil. Se isto é certo, as noticias dos últimos meses son preocupantes. Tras dous anos consecutivos de caídas da axuda, cando a crise debilita gravemente as políticas de solidariedade internacional,Bolivia viu como catro dos seus cinco doadores principais reduciron a súa cooperación en 2011, nalgúns casos de forma considerable.Para España -ata agora segundo doador en importancia tras EUA- o que está en xogo é algo máis que o prurito ético. Bolivia constitúe un exemplo ilustrativo do novo modelo de cooperación que precisan países de renda media, nos que a axuda se converte nunha panca dos recursos e as capacidades locais, unha fonte insubstituíble de prestixio e influencia para o país doador, e unha vía de financiamento de bens públicos globais como a loita contra enfermidades esquecidas (a través do programa deChagas).Será moi difícil xogar este papel en Bolivia e noutros países se as capacidades da Cooperación Española se seguen reducindo ata facela irrelevante. A caída total acumulada de preto do 70% nos dous últimos anos (un 65% no caso de Bolivia) podería ter ferido de morte ao sistema español de axuda internacional. Os datos máis recentes do Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) da OCDE sinalan que o esforzo relativo do noso país neste campo caeu ao 0,15%, un nivel de hai 25 anos. Esta deriva non só debilita seriamente o liderado de España na comunidade internacional, senón que ameaza os intereses da política exterior nunha rexión na que a amizade dos gobernos é menos predicible do que adoitaba ser.

[]