África + fame non vende

Post de Marta Arias, Directora de Sensibilización e Políticas de Infancia de UNICEF España publicado en El país

Dispoñíame a redactar unha entrada sobre a India para a serie sobre turismo alternativo cando os organizadores deste blog me dixeron -con razón- que era necesario cambiar de idea para centrarnos na emerxencia alimentaria que asola o Corno de África. Eles mesmos entraron de cheo no tema formulando algunhas das súas moitas frontes, que retoman varios lectores con enfoques igualmente interesantes.

Que podo achegar eu neste contexto? Podo falar dos 800 centros nutricionais deUNICEF en Somalia, nos que se atendeu a máis de 100.000 nenos dende o mes de xaneiro, podo ofrecer imaxes e testemuños que nos permitan coñecer un pouco máis de preto a situación, podo por suposto facer un novo chamamento á solidariedade de todos... pero teño a sensación de que iso xa non é nada novo. Certamente, hai unhas semanas era practicamente imposible facerse un oco na axenda informativa para falar diso: aos medios definitivamente non lles resulta atractiva a combinación dos termos "fame e Africa", menos aínda en verán, menos se temos noticias substanciosas coas que competir (recordo aínda a miña frustración cando, ao inicio da crise, me quedei á espera de entrar nun importante programa radiofónico eclipsada pola penúltima noticia relativa ao contexto político nacional).

Neste contexto, case case me dan ganas de dicir que a declaración de fame -moi ben explicado en que consiste no post do 22 de xullo- foi unha boa noticia, ou polo menos unha axuda... entendédeme ben, por favor: a situación é dramática e chegar ao nivel de alarma que implica a fame é terrible, pero realmente a situación no terreo xa venia sendo de máxima alerta dende hai meses e non obstante a nosa incapacidade colectiva -a do sector humanitario, refírome- para facernos escoitar foi manifesta.

A declaración de fame obedece como xa se explicou á superación duns indicadores concretos, indicadores que só poden obterse a partir dos

datos dispoñibles, é dicir, a partir da capacidade de intervención das organizacións nos puntos de atención establecidos. Pero, que pasa con todas as persoas que non chegan? Os que se quedan polo camiño, os que están demasiado débiles para poder cruzar as longas travesías ata os puntos de atención... asituación real é sempre peor que o que nos indican as estatísticas, a pesar de que a miúdo se nos critique pola contra.

É un recurso doado o de acusar as organizacións humanitarias de tremendistas. Tamén se fixo cando falamos do impacto do cambio climático sobre as secas en Africa (recordemos que a que agora padece a rexión é a peor nos últimos 60 anos), ou de como a crise financeira no norte estaba a deslustrar o terrible drama da crise alimentaria e a escalada brutal do prezo dos alimentos nalgúns dos países máis pobres (nalgunhas zonas de Somalia o prezo de alimentos básicos subiu ata un 270% en tan só un ano).

Probablemente, esta sexa outra das grandes ironías desta emerxencia: o gusto amargo de que os feitos nos dean a razón.  

Podes doar aquí para apoiar a UNICEF na emerxencia nutricional no Corno de África.