UNICEF prepárase para unha crise nutricional que afectará a máis dun millón de nenos no Sahel

Dakar/Xenebra | 14/12/2011 | Actualizado as 17:48h | mundo
A axencia mobiliza os seus recursos para unha importante intervención contra a desnutrición nos oito países da rexión durante 2012.

Calcúlase que na rexión do Sahel, en África, 1.025.000 nenos sufrirán desnutrición severa o próximo ano. Unha situación que poñerá en perigo as súas vidas segundo o Fondo da ONU para a Infancia, UNICEF. A organización prepárase para afrontar o que describe como un "reto enorme" e xa está a ordenar a distribución de alimentos terapéuticos e subministracións de emerxencia.

A oficina de UNICEF en África occidental e central estima que o maior número de casos de nenos menores de cinco anos con desnutrición grave e aguda estará en Níxer, cuns 330.600 casos detectados ata o momento. Alí o goberno emitiu unha alerta advertindo de que máis da metade dos pobos do país son vulnerables á inseguridade alimentaria. Outros países e rexións onde se espera que a infancia necesite unha atención especial son Chad, o norte de Nixeria, o norte de Camerún, Burkina Faso, Malí, Mauritania e o norte de Senegal.

"Esta crise que afecta aos nenos vai ser un gran desafío. Non estamos a alertar por riba, xa que a magnitude deste problema esixe unha resposta axeitada que debe comezar agora mesmo" dixo David Gressly, Director Rexional de UNICEF.

"Pódese evitar a traxedia se realizamos un esforzo sen precedentes na rexión do Sahel. Isto implica asegurarse de que os profesionais están no terreo coas subministracións axeitadas e que se fai o suficiente para conter a ameaza das enfermidades entre as poboacións debilitadas" dixo Gressly.

UNICEF necesita de xeito urxente 65,7 millóns de dólares (49,17 millóns de euros) para os seus traballos en materia de nutrición e saúde, así como para a distribución de subministracións. Non obstante, esta cantidade podería aumentar para asegurar que as intervencións poidan realizarse ao longo de todo o próximo ano. Non só para mellorar o nivel de nutrición, senón para fortalecer os programas de saúde, mellorar o abastecemento de auga e o saneamento nos centros de alimentación, así como a educación e protección dos nenos desprazados e as súas familias.

Contacto: 

 

Dailo Allí

Xefe de Prensa de UNICEF España, Tel: 609 160 051 / 91 378 95 55

E-mail: dailo.alli@unicef.es

Información adicional: 

 

UNICEF traballa no terreo en máis de 150 países e territorios para tratar de garantir aos nenos e as nenas o dereito a sobrevivir e a desenvolverse dende a primeira infancia ata a adolescencia. UNICEF, que é o maior provedor de vacinas para os países en desenvolvemento, traballa para mellorar a saúde e a nutrición da infancia; o abastecemento de auga e saneamento de calidade; a educación básica de calidade para todos os nenos e nenas e a protección dos nenos e as nenas contra a violencia, a explotación e o VIH/SIDA. UNICEF está financiado na súa totalidade polas contribucións voluntarias de individuos, empresas, fundacións e gobernos.

Lugar: 
Dakar/Xenebra