Crise alimentaria no Sahel

A rexión do Sahel, no continente africano, enfróntase á ameaza dunha crise alimentaria e nutricional que pon en perigo a vida e a saúde de máis dun millón de nenos con desnutrición.


Ante esta situación UNICEF xa se está a preparar para afrontar o que describe como un "reto enorme" e puxo en marcha a distribución de alimentos terapéuticos e subministracións de emerxencia.

Segundo a análise de situación realizada polos equipos de nutrición de UNICEF, sete dos oito países da zona presentan focos con taxas elevadas de desnutrición en nenos menores de 5 anos.

Os índices de desnutrición nas rexións máis secas de Chad e Mauritania, Níxer ou Mali, xa requiren unha resposta de emerxencia. No resto de países da rexión, Burkina Faso, Senegal, o norte de Camerún e Nixeria, comunidades enteiras tamén están en risco.

A oficina de UNICEF en África Occidental e Central estima que o maior número de casos de nenos menores de cinco anos con desnutrición aguda grave estará en Níxer, cuns 330.600 casos detectados ata o momento.
  

O goberno de Níxer emitiu unha alerta advertindo de que máis da metade dos pobos do país son vulnerables á inseguridade alimentaria. Outros países e rexións onde se espera que a infancia necesite unha atención especial son Chad, o norte de Nixeria, o norte de Camerún, Burkina Faso, Malí, Mauritania e o norte de Senegal.

A escaseza de chuvias prexudicou as colleitas
e deixou comunidades enteiras en situación precaria.

Nalgunhas zonas de Níxer, por exemplo, a colleita de cereais deste ano perdeuse completamente, e noutras estará un 14% por debaixo das necesidades de consumo da poboación. Existen ademais importantes agravantes, como a suba do prezo dos alimentos, entre outras causas significativas.
  

Crise alimentaria no Sahel

A ACCIÓN DE UNICEF

É posible evitar a desnutrición, con medidas preventivas e cun tratamento efectivo, grazas ao alimento terapéutico

Os esforzos de UNICEF e os seus aliados no terreo céntranse agora en conseguir suficiente cantidade de alimento terapéutico para dar resposta ás crecentes necesidades que se prevén para os próximos meses e, así, evitar unha escalada da emerxencia.

Á parte do aprovisionamento de alimento terapéutico, trabállase en medidas de prevención como a promoción de hábitos saudables de alimentación infantil que poden evitar casos de desnutrición, e as familias máis vulnerables está a recibir achegas en efectivo.

Esta rexión xa sufriu a ameaza da crise nutricional,
a última foi no 2010 en Níxer, naquela ocasión a acción temperá das organizacións e o financiamento axeitado conseguiron frear a deterioración nutricional.
  

Hoxe a ameaza é máis grande e sobre máis países, por isto é necesario un esforzo sen precedentes na rexión do Sahel. Isto implica asegurarse de que os profesionais están no terreo coas subministracións axeitadas e que se fai o suficiente para conter a ameaza das enfermidades entre as poboacións debilitadas.

Para poder facer fronte a esta situación de crise UNICEF estableceu un plan de resposta e contención da crise que require de xeito urxente un financiamento de 49,17 millóns de euros.

O plan de acción enfócase no traballo de nutrición e saúde, pero tamén na distribución de subministracións. Non obstante, esta cantidade podería aumentar para asegurar que as intervencións poidan realizarse ao longo de todo o próximo ano.

Non só para mellorar o nivel de nutrición, senón para fortalecer os programas de saúde, mellorar o abastecemento de auga e o saneamento nos centros de alimentación, así como a educación e protección dos nenos desprazados e as súas familias.
  

Noticias sobre la emergencia