Dereitos do neno
TODOS OS NENOS MENORES DE 18 ANOS TEÑEN DEREITOS SEN DISTINCIÓN DE RAZA, SEXO, RELIXIÓN OU PROCEDENCIA.
A Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) achegou unha nova visión dos nenos como suxeitos de dereitos, que antes non existía. Os dereitos da infancia baséanse en catro principios fundamentais:
- A non discriminación: todos os nenos teñen os mesmos dereitos.
- O interese superior do neno: calquera decisión, lei, ou política que poida afectar á infancia ten que ter en conta que é o mellor para o neno.
- O dereito á vida, a supervivencia e o desenvolvemento: todos os nenos e nenas teñen dereito a vivir e a ter un desenvolvemento axeitado.
- A participación: os menores de idade teñen dereito a ser consultados sobre as situacións que lles afecten e a que as súas opinións sexan tidas en conta.
A pesar de que aínda quedan moitos retos pendentes no que a cumprimento de dereitos se refire, nos máis de 20 anos transcorridos desde que se aprobou a CDN conseguíronse logros importantes en diferentes ámbitos.
A Convención recolle nos seus 54 artigos os dereitos de todos os nenos e nenas.
A Convención sobre os Dereitos do Neno
COMO CAMBIAN OS dereitos da convención a vida dos nenos?
NA FAMILIA
O artigo 19 da Convención sinala que é obrigación do Estado protexer os nenos de todas as formas de malos tratos perpetradas por pais, nais ou calquera outra persoa (...)
Ata o momento 14 países do mundo prohibiron expresamente o castigo físico dentro da familia, 12 deles despois de asinar a Convención.
En España modificouse recentemente o Código Civil para que non contemple a posibilidade de que os nenos e nenas poidan ser golpeados polos seus pais.
NA ESCOLA
A Convención compromete os gobernos a impartir educación obrigatoria e gratuíta a todos os nenos, polo menos na educación primaria.
En España, en 1990, ampliouse a idade de escolarización obrigatoria ata os 16 anos e, máis recentemente, estendeuse a educación gratuíta aos nenos de entre 3 e 6 anos..
Na sociedade
No caso de que as familias non sexan capaces de coidar e protexer os seus fillos, ou que non dispoñan dos medios para facelo, os gobernos terán a responsabilidade de axudalas ou de ocuparse dos nenos buscándolles unha familia de adopción ou acollemento, ou unha institución axeitada.
En España, a Lei de Protección Xurídica do Menor de 1996 establece os procedementos para que estes procesos se fagan sempre tendo en conta, en primeiro lugar, o interese do neno ou nena que vai ser acollido ou adoptado.







