Somalia: unha historia de recuperación, un ano despois da fame

19/07/2012 | Actualizado as 17:52h | Emerxencias

As mulleres fan cola no punto de distribución de alimentos en Mogadiscio, Somalia.

Hai un ano que Nacións Unidas declarou fame en varias rexións do sur de Somalia, no momento de maior gravidade da crise nutricional do Corno de África. Grazas á axuda internacional, a fame rematou en febreiro de 2012 e salváronse moitas vidas na rexión. Non obstante, 8 millóns de persoas en Somalia, Kenya e Etiopía seguen necesitando axuda humanitaria.

O fillo de Amina, Ismail Mohamed, de catro anos, sufriu desnutrición aguda grave o pasado ano. Agora xa está completamente recuperado e a súa nai conta como se sentiu coa recuperación: "sentín esperanza de novo no meu corazón". "Agora son moi feliz".

A familia de Amina vivía en Lower Shabelle, unha das rexións máis afectadas pola seca e a fame. "Todos os animais morreron, non nos quedou nada", conta o seu marido Mohamed Ibrahim. "Tivemos que irnos, porque o noso fillo caeu gravemente enfermo", engade.

"Cando chegamos a Mogadiscio, Ismail estaba moi enfermo. O seu corpo comezouse a inchar e a súa pel a caer", engade a súa nai. Ademais, estaba tan débil que contraeu sarampelo e cólera. O seu corpo inchouse tanto que non podía abrir os ollos.
  

  

o tratamento inmediato salvou a vida de Ismail

Os seus pais levárono a un centro de nutrición xestionado pola ONG somalí SAACID, apoiado por UNICEF. Alí, decatáronse que Ismail tiña desnutrición aguda grave e que requiría tratamento urxente.

"Cando o trouxeron, a taxa de inflamación- denominada edema- era moi alta", dixo Abdullahi Mohamed, un enfermeiro da ONG SAACID, que foi a primeira persoa en tratar a Ismail no centro. "Non podiamos facer moito por el entón".

A Ismail enviárono a un hospital xestionado por Médicos Sen Fronteiras Bélgica, onde o admitiron dúas semanas ata que o inchazo desapareceu: "Logo levámolo ao noso centro de nutrición, baixo un programa terapéutico", dixo Mohamed.

Máis de 445.000 nenos tratados de desnutrición aguda

A resposta humanitaria masiva foi esencial para salvar as vidas dos nenos como Ismail. Durante o pasado ano, UNICEF tratou máis de 455.000 

See video
© UNICEF
Somalia. La historia de Ismail, una historia de recuperación.
nenos de desnutrición aguda en Somalia, dos que 225.000 sufrían desnutrición grave- a gran maioría nas rexións central e meridional.  

Non obstante, a situación en moitas áreas de Somalia segue sendo fráxil. Estímase que 2,5 millóns de persoas- a metade deles nenos- necesitan axuda.

"Aínda que a necesidade non é tan alta como a de hai un ano, aínda hai queres sofren como Ismail", dixo Mohamed. "Aínda vemos nenos como el nos nosos centros de nutrición".

UNICEF tamén está a traballar para aumentar a resistencia dos grupos máis vulnerables fortalecendo os servizos básicos da comunidade. Isto, a longo prazo, é o único modo de reducir o risco causado por crise como a seca e a inseguridade alimentaria.