Iraq: escolas para os nenos refuxiados sirios

Por Salam Abdulmunem, Oficial de Comunicación de UNICEF Iraq
23/08/2012 | Actualizado as 13:08h | Emerxencias

O primeiro que che chama a atención cando entras no campamento de refuxiados de Domiz, en Iraq, é o número de nenos que hai: correndo, xogando ou simplemente sentados nas súas tendas. Cando llo menciono ao administrador do campamento, cóntame que case todas as familias de refuxiados sirios que se rexistraron aquí son novas; ningún dos membros ten máis de 50 anos.  

O campamento que se creou na provincia de Dohuk, no norte de Iraq, conta actualmente cunhas 500 familias sirias, pero pode aloxar outras 500 se fose necesario. Unhas 2.000 persoas viven no sector do campamento asignado ás familias e, segundo o administrador, o 40% dos inscritos son menores de 14 anos.  

POñERSE Ao DÍA NA ESCoLA DE VERáN

Mentres que os máis pequenos xogan nos tobogáns e bambáns proporcionados pola administración do campamento, os adolescentes e as nenas non realizan ningunha actividade concreta.  
 
Hassan, un mozo de 14 anos de idade, encóntrase na entrada da tenda de campaña da súa familia coa súa irmá menor e o seu irmán, de 11 e 9 anos respectivamente, vendo os nenos máis novos xogar ao fútbol. Levan no campamento dende hai case un mes. Hassan dime que non ten que facer moito a maior parte do día. Cando lle pregunto pola escola, a irmá de Hassan, Eveen, di que lle gustaría volver pronto.  
 
Recentemente, o Departamento local de Educación, con apoio de UNICEF e ACNUR, iniciou unha escola de verán para axudar aos nenos a recuperar o tempo perdido. Preto de 150 nenos e nenas matriculáronse nesta escola. Pero o novo curso académico achégase rapidamente, e prevese escaseza de espazo para case 500 nenos que xa se rexistraron para unirse á escola.

Máis tarde, cando visito o próximo Espazo Amigo da Infancia apoiado por UNICEF, encóntrome con Perween Abdulaziz, unha traballadora social da ONG Axencia para a Cooperación Técnica e o Desenvolvemento (ACTED) que se encarga do centro. Cóntame que, mentres que algúns dos nenos viron violencia, a maioría dos temores dos pequenos provén de escoitar os seus pais falar dun futuro incerto. A estrutura e as actividades que se lles ofrecen a través da escola e o Espazo Amigo da Infancia son esenciais para que as súas vidas recuperen certo sentido de estabilidade.
  
 

ESCASEZa DE AULAS

Tamén me encontro con Adnan, un neno de 13 anos que leva unha camisa branca impecable e unha mirada seria nos seus ollos. Falamos de como a súa xornada xira en torno á escola de verán e como espera o novo ano escolar. "Estudo un pouco máis cando volvo á casa, tamén, e só despois voume xogar". A súa conmovedora determinación de seguir facéndoo ben na escola, mesmo cando se pasa por momentos difíciles, merece o noso respecto e apoio.

Aínda que UNICEF e ACNUR proporcionaron sete aulas prefabricadas, necesítanse polo menos sete máis para garantir que ningún dos nenos que actualmente están en idade escolar no campamento de refuxiados se vexa privado do seu dereito fundamental á educación, e para axudarlles a alcanzar o seu pleno potencial unha vez que este difícil momento nas súas vidas pase.

As autoridades locais, coa axuda dos organismos da ONU, están a facer todo o posible para facilitar o acceso á educación de calidade aos fillos dos refuxiados sirios no campamento. Necesítanse máis fondos, non obstante, para satisfacer as necesidades educativas do crecente número de nenos refuxiados sirios.
  
Cómo colaborar