Achegar a realidade dos países do Sahel ás aulas

14/06/2012 | Actualizado as 18:30h | España

Enrédate con UNICEF, o programa de Educación para o Desenvolvemento de UNICEF, celebra o Día do Neno Africano (16 de xuño) publicando unha presentación interactiva sobre o Sahel, destinada a ser utilizada na aula. Esta presentación é apta para educación primaria e secundaria e admite distintos usos educativos.

Obxectivo: reflexionar sobre a situación do Sahel

Dende que se lanzou a alerta pola actual seca no Sahel e a súa ameaza para a supervivencia dos nenos, miles de persoas uníronse a UNICEF para frear o ciclo de fame, enfermidade e morte que tradicionalmente acompaña ás secas. Grazas á acción conxunta a través de #sahelNOW, e ás achegas de miles de persoas, UNICEF España contribuíu á resposta humanitaria na rexión. Nos catro primeiros meses deste ano case 250.000 menores de cinco anos recibiron tratamento contra a desnutrición aguda grave, como parte do traballo de UNICEF para facer fronte á emerxencia nutricional na zona.

Non obstante, hai un Sahel antes e despois de cada crise: Que sabemos do Sahel? Como son os seus habitantes? Que relación hai entre a seca e a pobreza? Cales son as solucións? Esta presentación ten como obxectivo servir de apoio para que os docentes poidan tratar estes temas en clase, achegando a realidade complexa dos países do Sahel ás aulas.

 

Unha visión educativa sobre o desenvolvemento

Esta presentación, dispoñible como PDF interactivo e en formato Flash, é apta para Primaria e Secundaria e permite reforzar algúns conceptos de xeografía física e humana, de ecosistemas e de economía, ao tempo que nos achega aos problemas concretos das persoas que viven nos países do Sahel. A presentación está especialmente indicada para ser utilizada dende unha perspectiva de Educación para o Desenvolvemento, resaltando nas interrelacións que hai entre as diferentes partes do mundo, na influencia dos acontecementos pasados e presentes sobre o futuro e nas conexións entre os asuntos sociais, económicos, políticos e ambientais.

A presentación pode utilizarse tanto nunha lousa dixital interactiva (PDI) coma en ordenador persoal ou tablet e inclúe actividades como mapas interactivos, comparación de imaxes sobre o clima, un encrucillado sobre dereitos de infancia, unha galería de fotos e vídeos, entre eles as declaracións de Selena López sobre o papel dos mozos na axuda.  

Enrédate con UNICEF

Enrédate con UNICEF é o programa educativo de UNICEF España que, dende o enfoque da Educación para o Desenvolvemento, promove o coñecemento dos Dereitos da Infancia e o exercicio dunha cidadanía global solidaria e responsable. Máis de 3.000 centros educativos participan nas actividades propostas por Enrédate, entre elas as carreiras da Campaña Gotas para Níxer que uniron xa a miles de estudantes para apoialos programas de supervivencia infantil en Níxer.

Máis información sobre esta e outras propostas educativas de UNICEF España n
a web de Enrédate con UNICEF.