25 de setembro: Champions for Africa en Sevilla

26/07/2012 | Actualizado as 17:31h | España

Os nenos xogan ao fútbol en Monrovia, Liberia.

O partido solidario Champions for Africa, organizado por UNICEF España e a Fundación Kanouté, terá lugar o martes 25 de setembro no Estadio Sánchez Pizjuán de Sevilla.

Baixo o lema Xogamos en Sevilla, gañamos en África, os fondos obtidos durante este partido destinaranse aos programas de supervivencia infantil de UNICEF en África, onde millóns de persoas sofren as consecuencias da pobreza e das crises alimentarias e humanitarias.

Pola súa banda, a Fundación Kanouté destinará os fondos que se obteñan a finalizar as obras da Cidade dos Nenos de Sakina, aos arredores de Bamako, capital de Malí e a ampliar a súa capacidade para poder albergar 100 nenos.
  

Champions for Africa: unha xornada inesquecible

O Presidente de UNICEF Comité Andalucía, Ricardo García, expresou a súa convicción de que o 25 de setembro sexa unha xornada inesquecible: "somos campións do Mundo e de Europa. Seremos tamén, non me cabe dúbida, campións da Solidariedade. De aí o meu chamamento a todas as persoas, institucións e empresas para que nos axuden neste novo reto".

Frédéric Kanouté non faltou á cita malia encontrarse a miles de quilómetros de distancia. A través dunha intervención telefónica, afirmou que "sen a vosa axuda, sen o voso respaldo, Fundación Kanouté non tería sobrevivido. Douvos por iso as grazas e emprázovos, o 25 de setembro, para que xuntos xoguemos un importante partido; o do meu adeus ao fútbol español".

Para José María del Nido, Presidente do Sevilla FC, "Frédéric Kanouté é o xogador máis importante e o que mellor folla de servizos presenta ao longo dos 107 anos de historia do noso Club. É por iso que se merece o maior dos recoñecementos e o noso particular homenaxe".

O Vicepresidente do Real Betis, Pablo Gómez, asegurou que o club contribuirá en todo o que sexa necesario para que a cita sexa un éxito total. Rematou a súa intervención facendo un chamamento á afección bética para que o 25 de setembro se sume á festa solidaria.
  

Pola súa banda, Juan Ignacio Zoido, Alcalde de Sevilla, quen presidiu o acto, manifestou o seu desexo e predisposición a que "este partido supere as expectativas, alcance os fins previstos e contribúa a favorecer algo tan importante como é a vida de miles de nenos en risco. Un risco que vai en aumento e ao que non podemos mostrarnos insensibles".

O acto contou, ademais, coa participación de Ricardo García, Presidente de UNICEF Comité Andalucía; José María del Nido, Presidente do Sevilla FC; Pablo Gómez, Vicepresidente do Real Betis B e Jesus Prieto, Xerente da Fundación Kanouté.

Estiveron tamén presentes no Salón de Plenos do Concello unha nutrida representación do equipo de goberno municipal, así como destacadas personalidades do mundo do deporte, como o Presidente da Federación Andaluza de Fútbol e membro da Federación Española e da UEFA, Eduardo Herrera, ou o Vicepresidente da Asociación de Futbolistas Españois, Jesús Díaz Peramos.

En representación da Xunta de Andalucía compareceu o Director da súa Axencia de Cooperación, Enrique Centella. Á convocatoria non faltou Juan Ignacio Gallardo, Subdirector de Marca, colaborador, un ano máis, do evento. Oficiou como mestre de cerimonias o xornalista deportivo Ramón Fuentes.
  

Segue o día a día do V Champions for Africa en:  

Facebook

Twitter